18 de Outubro de 2018

En vídeoEn vídeo

.

Novas

02.09.2015

O alcalde de Foz, Javier Castiñeira, reuniuse en Santiago co Presidente da Xunta, que lle anunciou a licitación das obras de ampliación do Hospital da Costa neste ano.

Tamén abordaron asuntos como a nova depuradora focense, o saneamento das parroquias do municipio ou a posta en servizo do xeriátrico.

Recomendar Imprimir Atrás

3.0/5 [212 Voto/s]

Foz, 2 de setembro de 2015.- O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, reuniuse en Santiago co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. No encontro trataron temas de importancia para a comarca e para Foz e o presidente autonómico anuncioulle a licitación das obras de ampliación do Hospital da Costa de Burela nos próximos meses, antes de que acabe este ano 2015. Castiñeira destacou tamén a boa disposición de Feijoo para avanzar na construción da nova depuradora de augas residuais para Foz, no saneamento das parroquias, na posta en servizo da residencia de maiores e na promoción turística do municipio.

“No día de onte tiven unha reunión en Monte Pío co presidente da Xunta de Galicia para falar de asuntos importantes do noso concello e da Mariña. Un dos motivos importantes da visita era trasladarlle ao presidente da Xunta a inquedanza dos mariñáns ante a obra máis importante da nosa comarca nos últimos anos, que é a ampliación do Hospital da Costa. A resposta do presidente da Xunta é moi tranquilizadora, posto que me confirmou que antes de que remate 2015, nestes próximos meses, serán licitadas as obras de ampliación do Hospital da Costa. Polo tanto, moi boas e importantes noticias para todos os mariñáns, porque isto supón que a ampliación do Hospital da Costa vai para diante. O ano 2016 será moi importante para o comezo destas obras de ampliación”, asegurou o rexedor municipal focense.

Outros dos temas tratados na reunión foi o proxecto do corredor entre Barreiros e San Cibrao, para o que Castiñeira pediu ao presidente autonómico “apoio para que a Xunta inste ao Goberno Central a iniciar o antes posible, tal e como fixen no seu momento coa ministra, os proxectos e a obra do corredor Barreiros-San Cibrao, para que se una o antes posible co tramo da Xunta de Galicia”. Segundo o alcalde, Feijoo amosoulle a súa mellor disposición para tratar de que se cumpran os prazos establecidos na realización destas obras.

O saneamento e a depuración de augas tamén estiveron presentes na reunión.  No caso da nova depuradora de augas residuais para Foz, Castiñeira salienta “o compromiso co financiamento da depuradora unha vez teñamos localizado o punto final de ubicación, no que tamén podemos adiantar que hai bastantes avances”.

O apoio da Dirección Xeral de Turismo á promoción de Foz foi outro dos puntos da reunión: “despois dun verán con moita ocupación soliciteille apoio para potenciar turisticamente o noso municipio e, sobre todo, para tratar de que sexa atractivo para inversións privadas, necesarias e vitais para que Foz poida ser un pobo turístico de referencia na nosa comarca. Necesitamos ese compromiso da Xunta de Galicia para trasladarlle a inversores privados a posibilidade de que Foz teña suficiente capacidade hoteleira. Para iso precisamos os contactos da Dirección Xeral de Turismo para tratar de iniciar conversas con promotores turísticos particulares”, comentou o rexedor focense.

“A reunión tamén serviu para poder agradecerlle ao presidente da Xunta o seu compromiso con Cangas, polo remate nestes días da segunda fase das beirarrúas da parroquia e, sobre todo, para ter o compromiso do presidente de que no ano 2016 se abrirá o novo xeriátrico de Foz. Moi probablemente estea rematado en decembro de 2015 para, a partir de aí,  o antes posible equipar ese centro e sacar a concesión do seu servizo”, engadiu Javier Castiñeira, que rematou comentando que “foi unha reunión moi frutífera, moi produtiva. No eido persoal, verdadeiramente intensa e satisfactoria para min. E agradecemos ao máximo ao presidente da Xunta o seu compromiso co noso concello”.

Engadir a Twitter Engadir a Facebook

© 2018 PP de Foz