29 de Marzo de 2024

En vídeoEn vídeo

.

Novas

15.07.2015

O alcalde de Foz oponse á decisión da DGT de trasladar a Lugo os exames teóricos para obter os carnés de conducir, que se fan na vila focense dende hai varias décadas.

Xa trasladou as súas queixas aos responsables provinciais da administración central e busca o apoio do resto de rexedores da mariña para intentar evitar este “recorte inaceptable”.

Recomendar Imprimir Atrás

3.0/5 [73 Voto/s]

Foz, 15 de xullo de 2015.- O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, oponse á decisión da Dirección General de Tráfico (DGT) de trasladar a Lugo os exames teóricos para obter os carnés de conducir, probas que se levan facendo na vila focense dende hai varias décadas. O rexedor focense xa trasladou as súas queixas aos responsables provinciais da Administración Central e buscará o apoio do resto de alcaldes da Mariña para intentar evitar o que considera un “recorte inaceptable”.

Javier Castiñeira manifestou hoxe que “dende o Concello de Foz, e entendo que en nome de todos os mariñáns, quero mostrar o noso máximo descontento ante a decisión da Dirección General de Tráfico de trasladar a Lugo os exames teóricos de conducir, que ata agora se facían en Foz. É completamente inxustificado, pois cremos que os 70.000 veciños da Mariña temos dereito a facer os exames aquí, xa que senón suporía andar moitos anos cara atrás. Non sei se o afán da Administración do Estado é centralizar os servizos na cidade de Lugo, pero nós non estamos dispostos e, dende logo, creo que todos os demais mariñáns tampouco. Os veciños da Mariña non teñen porque desprazarse a Lugo e gastar, non só a persoa que vai facer o exame senón tamén un acompañante, uns cartos e un tempo”.

O alcalde engadiu que “se queren informatizar as aulas hai locais en Foz para facelo; que realicen aquí ese investimento e que se deixen de desculpas baratas. Non cesaremos ata que ese servizo volva a Foz, porque as desculpas que pon a Dirección General de Tráfico son inxustificables, pois din que queren tratar de que os exames sexan moito máis confidenciais. Se queren mellorar o servizo estamos encantados de que o fagan, pero que sexa aquí, na Mariña. Polo tanto a Dirección General de Tráfico ten que cesar desa idea, coa que non estamos para nada de acordo. No día de hoxe, cando mo notificaron, xa lles mostrei o meu completo descontento a todos os responsables da Administración Central en Lugo e non vamos cesar no noso empeño de que todos os mariñáns poidan facer os seus exames teóricos onde os viñan facendo, que neste caso é no centro da Mariña, en Foz. Cremos que é un recorte inaceptable para o que non vemos ningún tipo de xustificación”.

Ademais Castiñeira anunciou que vai notificar a todos os alcaldes da Mariña esta decisión e “entendo que entre todos tomaremos as medidas oportunas para facer forza ao unísono todos os concellos e evitar este recorte para todos os mariñáns”.
Engadir a Twitter Engadir a Facebook

© 2024 PP de Foz