17 de Outubro de 2018

En vídeoEn vídeo

.

Novas

08.07.2015

A corporación de Foz celebrará o pleno extraordinario de organización do concello para este mandato hoxe, mércores, ás 20:30 horas.

O goberno local propón dúas dedicacións exclusivas: unha para o alcalde e outra para a concelleira de cultura.

Recomendar Imprimir Atrás

3.3/5 [45 Voto/s]

Foz, 7 de xullo de 2015.- A corporación municipal de Foz celebrará o pleno extraordinario de organización do Concello para este mandato hoxe, mércores, ás 20:30 horas. O goberno local propón que haxa dúas dedicacións exclusivas: una para o alcalde, Javier Jorge Castiñeira, e a outra para a concelleira de Cultura, que será Silvia Blach Cuesta.

O rexedor municipal explicou que van 9 puntos na orde do día da sesión, “entre eles dar conta da constitución dos grupos políticos e o nomeamento dos voceiros, que son dos grupos do Partido Popular, do Partido Socialista, de Foz Plataforma de Futuro e do BNG. En canto á asignación económica dos grupos políticos, mantense a de outros mandatos, que son 180 euros ao mes de fixo por grupo político máis 63,03 euros mensuais por cada concelleiro que integre cada un dos devanditos grupos. No punto 3 vai a determinación da periodicidade do pleno da corporación, que se manterá todos os últimos xoves de cada mes ás 20:30 horas á excepción de agosto, que non hai sesións plenarias. No punto 4 vai a creación e composición das comisións informativas permanentes, que tamén segue dun xeito similar ás que había na lexislatura pasada: comisión informativa de asuntos preparatorios de pleno, comisión informativa especial de contas e réxime interior, comisión informativa de desenvolvemento local, relacionada con urbanismo, obras, cultura e deportes; e comisión informativa de acción social, relacionada con asuntos sociais, sanidade e medio ambiente. Cada grupo terá os concelleiros representantes por proporcionalidade: 3 do Partido Popular, 2 do grupo socialista, 2 de Foz Plataforma de Futuro e un do BNG”.

Javier Castiñeira engadiu que no pleno de mañá tamén se tratará “o nomeamento de representantes da corporación en órganos colexiados que son competencia do pleno e propoñemos como membro do consello escolar do IES de Foz, un representante do Partido Popular; como membro do consello escolar do colexio Número 1, un membro do Partido Socialista; como membro do consello escolar do colexio O Cantel, un membro de Foz Plataforma de Futuro; para o consello escolar do colexio de Nois, un membro do BNG; para a Mancomunidade de Municipios, un membro do Partido Popular e outro de Foz Plataforma de Futuro; para a asociación Terras de Miranda, un membro do Partido Socialista; para o consello da radio municipal: catro membros, un de cada partido político; e para o Consorcio Galego de Benestar, un membro do Partido Popular, que será o alcalde”.

Castiñeira comentou ademais que na sesión abordarase tamén “a asistencia a órganos de goberno e neste caso, como estaban moi baixas, sóbese de 30 a 50 euros a asistencia de concelleiros ás sesións de comisións informativas e comisións especiais de contas e tamén pasa de 30 a 50 euros a asistencia á xunta de goberno local; e de 60 a 80 euros, á sesión de pleno municipal. É para poñerse máis ou menos á altura do resto dos concellos que nos rodean. En canto ás indemnizacións por razóns de servizo e dietas, mantéñense as mesmas que había na lexislatura pasada: son 0,19 euros por quilómetro percorrido, como gastos de vehículo e viaxe; en dietas: 102,56 euros por aloxamento; por manutención, 53,04 euros; dieta enteira, 155,09 euros; e media dieta, 26,67 euros”.

No capítulo de designación dos cargos con dedicacións exclusivas e réxime de dedicación mínima dos mesmos, o alcalde indicou que “o que se propón é unha dedicación exclusiva para o alcalde, que é a mesma que tiña na anterior lexislatura e tamén a que había hai dous mandatos, que son 41.242,32 euros anuais brutos; e proponse tamén un dedicación exclusiva, de 27.440 euros, para a concelleira de Cultura, que é Silvia Blach Cuesta”.

E no último punto da orde do día daranse a coñecer as resolucións da alcaldía polas que “o primeiro tenente de alcalde será Pedro Fernández Manín, que á súa vez levará as competencias delegadas de Obras, Medio Rural e Mar; a segunda tenente de alcalde será Mercedes González Alonso, que vai ser concelleira de Asuntos Sociais, Sanidade, Muller, Xuventude e Deportes; a terceira tenente de alcalde vai ser Maite López Rego, que tamén será concelleira de Turismo e Medio Ambiente; e a cuarta tenente de alcalde, Silvia Blach Cuesta, que será concelleira de Cultura, Educación e Comercio”.

Javier Castiñeira rematou comentando que “en xeral as liñas son practicamente as mesmas, ou moi similares ás da lexislatura pasada, con algún cambio, como é unha dedicación exclusiva máis para o grupo de goberno, que no seu momento se ofreceu ao resto dos grupos se quixeran participar no goberno, pero non a quixeron. Polo tanto proponse que a concelleira Silvia Blach Cuesta teña esa dedicación de 27.000 euros brutos, que corresponde practicamente a uns 1.500 euros ao mes. Entendemos que o Concello de Foz, con toda a actividade cultural e demais que ten necesita esa dedicación para traballar ao 100 por 100 pola cultura e a educación do noso pobo. E dende logo, en comparación co resto dos concellos, o de Foz por renda per cápita é un dos que menos asigna ao goberno e é dos poucos concellos que ata o día de hoxe ten un soa dedicación. Polo tanto entendemos que é necesaria e ademais é posible posto que a situación económica do Concello mudou completamente, pois a día de hoxe estamos posibilitados economicamente para facer esta dedicación exclusiva, e aínda así segue habendo uns gastos de goberno moito menores por habitante que noutros concellos similares en poboación e actividade”.

Engadir a Twitter Engadir a Facebook

© 2018 PP de Foz