19 de Setembro de 2018

En vídeoEn vídeo

.

Novas

27.03.2015

O alcalde de Foz asinou co presidente da Acia local un convenio para a posta en marcha do Centro Comercial Aberto cunha achega do Concello de 15.000 euros.

Recomendar Imprimir Atrás

3.6/5 [72 Voto/s]

Foz, 27 de marzo de 2015.- O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, asinou esta mañá un convenio co presidente da asociación de comerciantes, industriais, servizos e autónomos (Acia) local, José Carlos Paleo, para a posta en marcha do Centro Comercial Aberto, creado recentemente. Este acordo contempla unha achega por parte do Concello de 15.000 euros.

O rexedor municipal explicou que “é unha boa nova para o comercio, para a Acia e para o Centro Comercial Aberto de Foz, porque vimos de firmar co presidente da Acia de Foz, José Carlos Paleo, ese convenio de fomento e posta en marcha do Centro Comercial Aberto, que supón un financiamento de 15.000 euros por parte do Concello. O CCA xa está funcionando dende hai uns meses e creo que é un momento ideal, agora que comeza a Semana Santa, porque hai campañas importantes da Acia e do Centro Comercial Aberto. Un exemplo do compromiso do Concello de Foz co noso comercio son estes 15.000 euros que van servir para a posta en marcha do CCA, que é moi importante para o noso concello e para tratar de dinamizar o noso comercio moito máis”.

Javier Castiñeira engadiu que “é un cambio importante, que naceu no pasado ano cando nos visitou aquí a directora xeral de Comercio da Xunta de Galicia. Entre todos vamos tratar de axudar a que esta nova iniciativa da Acia sexa un motor para o comercio local”.

O alcalde tamén abordou outros temas na reunión de hoxe co presidente da Acia focense: “tratamos diferentes asuntos importantes para o comercio local e nos que estamos completamente de acordo dende o goberno de Foz, como tratar de potenciar ao máximo as compras do propio Concello no comercio local, algo que xa se fai pero evidentemente sempre é mellorable; igual que pedimos aos veciños que compren aquí é certo que o Concello tamén pode mellorar esa dinámica de compra no comercio local. E unha vez que as contas municipais melloraron ostensiblemente trataremos de reducir o período de pago aos provedores, evitando as demoras que houbo nos anos anteriores polos problemas económicos que tiña o Concello, pero coa situación económica que ten agora mesmo isto mellorará substancialmente. Tamén hai un compromiso por parte do Concello de levar neste mes o recoñecemento extraxudicial de facturas que quedaron fóra da contabilidade do ano pasado, para evitar esa demora nos pagos a provedores, moitos deles do noso concello”.

Castiñeira rematou comentando que falou co presidente da Acia “de cousas serias: de financiamento, de compromisos e dende logo quedou claro o noso máximo apoio ao noso comercio, aos empresarios e aos emprendedores que están iniciando unha nova andadura no ámbito empresarial, que hoxe en Foz son moitos”.

Engadir a Twitter Engadir a Facebook

© 2018 PP de Foz