29 de Marzo de 2024

En vídeoEn vídeo

.

Novas

19.12.2014

O dragado da dársena interior do porto de Foz, cada vez mais cerca.

Comezaron os estudos técnicos para o dragado da dársena interior do porto de Foz, obra que figura nos orzamentos da Xunta para 2015 cun investimento próximo aos 200.000 euros.

Recomendar Imprimir Atrás

2.7/5 [81 Voto/s]

Foz, 19 de decembro de 2014.- Os estudos técnicos para o dragado da dársena interior do porto de Foz xa comezaron, segundo explicou o alcalde, Javier Jorge Castiñeira, quen destacou que esta obra figura nos orzamentos da Xunta de Galicia para o vindeiro ano 2015 cun investimento próximo aos 200.000 euros.

“Desde o goberno do Concello de Foz queremos mostrar a nosa gratitude e contento por ver que nos orzamentos da Xunta para o ano 2015, dentro das partidas de Portos de Galicia, hai unha inversión importante para o noso concello, que é o dragado da dársena interior do porto de Foz. Esta obra foi solicitada pola confraría de pescadores, o Club Náutico e demais usuarios”, explicou o rexedor municipal.

Javier Castiñeira salientou que esta obra “xúntase a todas as actuacións que fixo durante estes últimos anos Portos de Galicia en Foz, concretamente a última estase executando agora, que consiste nos arranxos no espigón da praia da Rapadoira, no paseo de Laredo, polos danos que tivo causados polos diferentes temporais”.

Para o alcalde focense “o dragado da dársena é importante e interesante. Xa se están a realizar as batimetrías e os estudos técnicos para poder executar canto antes esta obra necesaria. Polo tanto moitas grazas ao presidente de Portos de Galicia por seguir confiando en Foz e continuar investindo no noso concello”.

O rexedor municipal rematou explicando que o investimento para esta actuación “non é pequeno, pois aproxímase aos 200.000 euros, unha cantidade que segundo os estudos e o proxecto é a estimada para poder realizar ese dragado. Hai que baixar nalgún sitio dous metros da cota que ten actualmente, porque é unha dársena que está saturada, pois leva máis de 30 anos sen dragarse. Non é como a canle, que durante estes últimos anos leva sucesivos dragados polo que se atopa en bo estado, pero a dársena interior do porto de Foz está colmatada. É unha necesidade que se vai cubrir durante o vindeiro ano”.
Engadir a Twitter Engadir a Facebook

© 2024 PP de Foz