26 de Abril de 2024

En vídeoEn vídeo

.

Novas

22.10.2014

O alcalde de Foz destaca os datos moi positivos sobre as contas do Concello que recolle un informe do Ministerio de Hacienda.

Javier Castiñeira explica que é consecuencia da aplicación da economía doméstica á política municipal por parte do equipo de goberno e ao esforzo dos veciños.

Recomendar Imprimir Atrás

2.9/5 [141 Voto/s]

Foz, 22 de outubro de 2014.- O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, destaca os datos moi positivos sobre as contas do Concello que recolle un informe que acaba de facer público o Ministerio de Hacienda. O rexedor explica que iso é consecuencia da aplicación da economía doméstica á política municipal por parte do equipo de goberno e grazas ao esforzo dos veciños.

“Dende o goberno do Concello de Foz, unha vez que saíron publicados os datos que ofrece o Ministerio de Hacienda das contas de todos os concellos de España do ano 2013, o único que podemos facer é congratularnos porque neses datos aparecen as comparativas dos concellos coa media nacional. E o Concello de Foz sae moi reforzado porque os datos son moi positivos”, manifestou Javier Castiñeira.

O alcalde explicou que “o Concello de Foz cústalle moito menos aos veciños do municipio que a media nacional por habitante: por exemplo un dato importantísimo é que en impostos directos os veciños de Foz pagan un 30 por cento menos que a media nacional; tamén un 8 por cento menos de taxas. En canto a datos sobre gastos tamén é importantísimo que o Concello de Foz gasta un 25 por cento menos que a media nacional, o que indica que xestiona moito mellor os recursos que ten. Outro dato importantísimo é que a débeda pública bancaria é o 60 por cento menor que a media nacional, que está en 69,52 euros por habitante e o Concello de Foz por cada veciño só debe 29,11 euros. E os intereses bancarios que pagamos son un 80 por cento menos que a media nacional, ou sexa que mentres os focenses pagan 4,16 euros de intereses o resto dos españois pagan unha media de 20,66 euros. E iso que nestes datos non se ten en conta a poboación flotante, estacional do verán, que se duplica durante os meses de xullo e agosto e á que hai que darlles servizos”.

Para Castiñeira “estes datos do Ministerio de Hacienda significan que dende o ano 2011 ás contas do Concello cambiaron, de números vermellos a completamente positivos. E todo isto a pesar das múltiples cambadelas que este goberno municipal recibiu da oposición. O Concello de Foz non só gasta menos do que ingresa, ou sexa que aplica a economía doméstica ás contas públicas, senón que, aínda por enriba, paga o que se deixou a deber, tanto aos provedores como aos bancos; todas as débedas que herdamos estámolas pagando e aí están os datos”.

O rexedor focense engadiu que “quen o queira negar está negando os datos auditados polo Ministerio de Hacienda coas medias nacionais e as do resto dos concellos de Lugo e da Mariña. E o grupo de goberno popular está moi orgulloso deses datos, que non só grazas a moi boa xestión do equipo de goberno senón tamén ao esforzo de todos os veciños, grazas ao cal estamos poñendo as contas públicas como verdadeiramente xa tiñan que estar moito antes”.

O alcalde rematou comentando que “mentres os concelleiros da oposición que poñen cambadelas e paus nas rodas dedícanse a facer demagoxia, a mostrar a peor imaxe do concello, a facer fotografías de fochas e de farolas, nós o que facemos é loitar polas contas municipais e para dar servizos aos veciños. Nunca tantos servizos se deron no Concello de Foz como agora e sen ningún tipo de apoio dos grupos da oposición, de todos aqueles que están cambiando de chaqueta un día si e outro tamén, polo que temos unha corporación totalmente descoñecida, ata o punto de chegar a que o señor Cancio está exercendo de portavoz do Partido Socialista cos votos de Unifoz, esa agrupación que ao parecer era horizontal e independente; e por outro lado os concelleiros non adscritos do PSOE, que agora están a facer o contrario do que lle reclaman ao señor Cancio. Os únicos que permanecemos onde lles prometemos aos veciños somos os do equipo de goberno, que é un grupo fiel e leal aos intereses de todos os focenses; e aí seguiremos, que non teña ninguén a menor dúbida”.

Engadir a Twitter Engadir a Facebook

© 2024 PP de Foz