19 de Abril de 2024

En vídeoEn vídeo

.

Novas

29.07.2014

Presentación da programación cultural e deportiva para o mes de agosto que da comezo este sábado

Foz celebrará este sábado o seu tradicional encontro Galaico Astur de corais, acto co que empeza a ampla e variada programación cultural de agosto.

O concelleiro de cultura anunciou que o Padre Ángel será pregoeiro das festas de San Lourenzo.

Recomendar Imprimir Atrás

2.7/5 [36 Voto/s]

Foz, 29 de xullo de 2014.- O Concello de Foz presentou a súa programación cultural e deportiva para o vindeiro mes de agosto. O calendario ábrese este sábado, día 2, coa celebración do XXIX Encontro Galaico-Astur de Corais. A esta cita sucederanlle as festas de San Lourenzo e outras actividades como un ciclo de teatro infantil, os festivais folclóricos da asociación cultural O Feitizo e as feiras multisectorial e do libro na última fin de semana do vindeiro mes.

O concelleiro de Cultura, Ánxel Paleo, destacou que “toda esta programación dará comezo este sábado co XXIX Encontro Galaico-Astur de Corais no que participarán distintas corais de Asturias, A Coruña e A Mariña. Será na Sala Bahía a partir das 19:30 da tarde. Ademais o mércores día 6 no Paseo da Rapadoira ás 21:30 haberá unha exhibición de batuka e zumba, e ao remate, sobre as 11 da noite, farase unha queimada popular a cargo da asociación cultural O Feitizo”.

Ánxel Paleo continuou repasando o cartel de actividades afirmando que “os días principais son os das festas do San Lourenzo, que darán comezo o venres día 8 co pregón ás 20:30 na Casa da Cultura a cargo de Ángel García Rodríguez, máis coñecido co nome de Padre Ángel, fundador e presidente da ONG Mensajeros de la Paz. O Padre Ángel foi Premio Príncipe de Asturias á Concordia no ano 1994. Despois do seu pregón terá lugar o chupinazo e a verbena co Grupo Fénix, a partir das once da noite na praza Conde de Fontao. Ademais, a esta mesma hora ese mesmo día, teremos un concerto nas Torres. Nel participarán tres grupos de música alternativa”.

Paleo engadiu que “as actividades das festas de San Lourenzo continúan o sábado 9 as sete e media da tarde. A esa hora teremos fútbol co XXVI Torneo Vila de Foz que enfrontará ao Viveiro Club de Fútbol e ao Club Deportivo Lugo no Campo de Fútbol Martínez Otero. Despois, ás 20:30, na praza Conde de Fontao será a XVIII Mostra Folclórica Infantil do Feitizo, que conta coa participación da Asociación Cultural Amado Lar, de Ferreira do Valadouro. A mostra dará paso despois á verbena coas orquestras Delirio e Palladium. E o 10, o día grande e principal, teremos a misa ás 12:00 na Igrexa Parroquial e a continuación  procesión acompañada  da Banda de Música Municipal. Pola tarde, xa ás 20:30, será a XVIII Mostra Folclórica de Adultos O Feitizo, que conta coa participación do grupo San Xiao do Trebo, de Cariño. E logo, á noite, festa verbena coa orquestra Costa Oeste que anticipará o gran espectáculo pirotécnico que terá lugar á 1 da noite na praia da Rapadoira”.

O concelleiro de Cultura comentou tamén que a programación “continúa entre o luns día 11 e o xoves día 14, con mostras de teatro infantil a partir das nove da noite, con entrada gratuíta, no patio do colexio Nº 1. E ademais, o xoves 14 na zona de Tupide estará o festival de música electrónica Tentacle, dende as 12 da mañá ata as 5 da madrugada. O venres 15 contaremos cunha carreira popular coa saída do colexio Martínez Otero ás 10:30 da mañá.  E no fin de semana do venres 22 ao domingo 24 viviremos a 3ª Festa Normanda, na que os veciños e visitantes se visten de época para participar nos distintos actos que se fan en varias zonas do concello”.

Para a derradeira semana de agosto Ánxel Paleo destacou “a Semana do Teatro ao Aire Libre, que terá lugar dende o luns 25 ao domingo 31. Nela representaranse obras de diferentes grupos de teatro do concello e da Mariña. Todas estas obras representaranse no patio do colexio Nº1 ás 10 da noite. E para rematar esa fin de semana, de xoves a domingo coincidirán a Feira Multisectorial, que se celebrará no porto, e a Feira do Libro, que será na praza Conde de Fontao.”

Engadir a Twitter Engadir a Facebook

© 2024 PP de Foz