Novas
17.07.2014
A cuarta Festa Normanda de Foz celebrarase do 22 ao 24 de agosto.
Haberá novidades como unha ludoteca gratuíta para os fillos dos asistentes ao evento.
Foz, 17 de xullo de 2014.- A cuarta edición da Festa Normanda de Foz celebrarase do 22 ao 24 de agosto. Foi presentada hoxe e inclúe novidades como unha ludoteca gratuíta para os fillos dos asistentes ao evento. Está organizada pola asociación Desembarco Normando co apoio do Concello de Foz.
O alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, destacou que “é unha festa que, por méritos propios, se está a converter nunha das máis populares de A Mariña de contido histórico. Estou moi contento de que a comisión estea máis formada cada vez por máis xente que participa e que quere a Festa Normanda. Queremos que o obxectivo sega sendo recordar a lenda do Bispo Santo, unha lenda milenaria no noso concello. E, dende logo, vendo as tres anteriores edicións, esperamos que sexa un dos momentos máis importantes do verán de Foz. A organización está sendo moi boa. Hai novidades e estamos moi felices de que haxa moita ilusión por parte da comisión da festa, que ten o apoio total por parte do Concello de Foz".
O rexedor engadiu que “será os días 22, 23 e 24 de agosto, o penúltimo fin de semana do mes, e repetiranse moitos dos actos que se levan facendo ultimamente, aínda que tamén haberá novidades moi bonitas. Animamos a todo o mundo a que vaia preparando a súa vestimenta e é moi importante que se siga mantendo, como quere a comisión, ese rigor histórico no vestiario. Non se trata de disfraces, senón de caracterizacións baseadas no rigor e na historia do noso concello, que é moi longa. Esta é unha festa que nos ven moi ben para recordar a traxectoria histórica que ten San Martiño de Mondoñedo en toda A Mariña”.
O presidente da asociación Desembarco Normando, Pablo Fraga, anunciou que “o venres ás 12 da mañá abrirase o mercado e haberá bares situados pola zona portuaria para comer, tomar algo e andar de festa ata o domingo. O venres ás oito e media da tarde temos o pregón, que correrá a cargo de Manuel Alberto Fraga. Ademais Peinó está elaborando unha obra para representar no Bispo Santo e cando acabemos, sobre as dez e media da noite, baixaremos para a rúa Álvaro Cunqueiro, onde faremos unha cerimonia de pacificación e alí haberá un concerto a cargo de Tumba e Dalle. Os hostaleiros desa estrada Álvaro Cunqueiro van sacar barras e mesas á rúa e poderase cear alí. Despois seguirá a festa ata as dúas ou as tres da madrugada”.
Pablo Fraga engadiu que “o sábado é o día do Desembarco, que será ás dúas menos cuarto da tarde e durará sobre media hora. Despois iremos comer, pois haberá zona de restaurantes no porto aparte de todos os bares de Foz que ese día estarán preparados para comer. Como novidade a Festa Normanda ofrece unha ludoteca gratuíta para un máximo de 60 nenos na zona do porto, para que quen queira poida deixar alí os nenos e irse por aí. Na ludoteca terán os mesmos xogos que hai para os maiores na festa, aínda que axeitados ás idades dos nenos e rapaces. Tamén teremos a típica carreira de barrís, que este ano facemos tamén para xuvenís, e o lanzamento de pacas. Despois, ás doce e media da mañá, os grupos que van con tambores e outros instrumentos xuntaranse todos e irán tocando unha marcha fúnebre ata a zona da Rapadoira, onde vamos facer un funeral viquingo: poñeremos un barco da zona da Rapadoira, uns arqueiros van disparar unha frecha con lume e arderá; faremos unha cerimonia, haberá un baile e será o fin do día”.
Para rematar o presidente da organización explicou que “o domingo pola tarde temos o desembarco infantil, que será sobre as cinco. Faremos a cucaña ás cinco e media, con máis xogos infantís e xuvenís. Tamén haberá vodas viquingas e ás nove da noite daremos os premios de todos os xogos na praza Conde de Fontao. E para, axudarnos a financiar esta festa, temos o sorteo dun cruceiro a Casablanca, entre outros sitios, para o que estamos vendendo rifas. O sorteo será ás dez da noite ata que toque”.