23 de Abril de 2024

En vídeoEn vídeo

.

Novas

09.07.2014

Festas do Carme de Foz 2014

Presentouse hoxe o cartel e o programa de actividades para as Festas do Carme de Foz, que se celebrarán do 11 ao 16 deste mes.

Recomendar Imprimir Atrás

3.4/5 [70 Voto/s]

Foz, 9 de xullo de 2014.- O cartel e o programa de actividades para as festas do Carme da vila focense foi presentado hoxe no salón de actos da Casa da Cultura por varios membros da organización, que corre a cargo da asociación Sempre Foz, e polo concelleiro de Cultura, Ánxel Paleo Soto, que piden colaboradores para a elaboración das alfombras florais e da chicharrada.

Os días principais dos festexos son do 11 ao 16 de xullo, pero o edil de Cultura tamén deu a coñecer outras actividades que se van desenvolver durante este mes na vila focense: “comezaremos este venres cun novo concerto da novena edición de Sons na rúa na praza Pardo Cela a cargo da Coral Polifónica de Burela. Será ás nove da noite e despois, ás dez, empezará o festival Vrao na zona da Maseira e do Namarinos, onde farán unha serie de miniconcertos. E a partir das 22:30 haberá unha sesión de cine ao aire libre na praza Conde de Fontao, organizada pola biblioteca pública e o departamento de Normalización Lingüística da Xunta de Galicia”.

O edil de Cultura engadiu que “o sábado día 12 de xullo empezaremos coa misa da novena na igrexa parroquial e a continuación será o pregón das festas a cargo de Francisco Alonso González (Guayana). Ás 21:30 terá lugar o chupinazo, o pistoletazo de saída das festas, e a continuación servirase unha chicharrada popular na zona de Portochico, na que participará o grupo O Feitizo e que está patrocinada pola confraría de pescadores. Ás dez da noite continuará o festival Vrao na zona do porto, onde se farán miniconcertos en diferentes locais. Ás 22:30 haberá outra sesión de cine ao aire libre, pero esta vez será no Campo da Cabana. Nestas sesións bótanse películas en galego”. A programación continúa o domingo, 13 de xullo, cando haberá “a última sesión de cine ao aire libre, que esta vez será na praza Conde de Fontao”.

As verbenas das festas do Carme de Foz empezarán o luns, 14 de xullo, pero tamén haberá outros actos: “a misa da novena será ás oito da tarde e ás dez da noite celebrarase o terceiro festival Coa nosa fala no Campo da Cabana. E ás 23 horas empezará a verbena coa orquestra Fénix”, comentou Ánxel Paleo, quen tamén destacou que “o martes, 15 de xullo, o véspera do día grande da festividade do Carme, teremos a festa verbena coas orquestras Jerusalén e Cinema, que será na praza Conde de Fontao e na explanada do porto. E a partir de aí empezará a decoración das rúas para o paso da Virxe en procesión ao día seguinte, para o que se pide a colaboración de todos os veciños e visitantes que poidan axudar a confeccionar as alfombras florais”.

O mércores será o día grande das festas do Carme e “os actos empezarán ás doce da mañá coa misa na honra da Virxe, cantada polo coro parroquial, e a continuación farase a procesión polas rúas da vila acompañados polo banda de música de Foz e os grupos folclóricos A Subela, O Feitizo e Andaravío. A partir das seis da tarde teremos uns xogos infantís gratuítos na explanada da Riveira, que organiza a asociación Sempre Foz. Ás oito da tarde teremos a misa na honra dos náufragos e despois farase unha ofrenda floral do Concello no monumento ao mariñeiro, en Tupide. E para rematar, ás 22:30, haberá a gran verbena coa actuación da orquestra Philadelphia”, explicou Ánxel Paleo.

O concelleiro de Cultura continuou anunciando que “o xoves 17 terá lugar un acto que se fará no paseo marítimo da Rapadoira e que incluirá baile de batuka e despois haberá unha noite meiga na que servirán queimada ao remate, sobre as doce da noite. O venres, para rematar, terá lugar un novo concerto de Sons na rúa na praza Pardo de Cela a cargo da Coral Polifónica de Foz e a banda municipal. E o sábado teremos o XV Festival Aires do Masma, na praza Conde de Fontao, que organiza a asociación folclórica A Subela e participan o grupo Prau Llerón, de Mieres; Batuko Tabanka, de Burela, e A Subela. E para rematar a novena edición de Sons na rúa o próximo 25 de xullo estará en concerto na praza Pardo de Cela o grupo Mar aberto, de Foz”.

Engadir a Twitter Engadir a Facebook

© 2024 PP de Foz