20 de Abril de 2024

En vídeoEn vídeo

.

Novas

28.03.2014

Valoración do Pleno do Concello de Foz do 27/03/2014

O alcalde de Foz fai unha valoración negativa do pleno municipal celebrado onte porque a oposición non permitiu o pago dalgunhas facturas de provedores pendentes de 2013 nin repercutir nos usuarios a suba de Sogama polo tratamento do lixo.

Javier Castiñeira pide sensatez e responsabilidade a todos os grupos da corporación local.

Recomendar Imprimir Atrás

2.4/5 [35 Voto/s]

Foz, 28 de marzo de 2014.- O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, fixo hoxe unha valoración negativa do pleno municipal celebrado onte porque a oposición non permitiu o pago dalgunhas facturas de provedores pendentes de 2013 nin repercutir nos usuarios a suba de Sogama polo tratamentos do lixo. O rexedor pide sensatez e responsabilidade a todos os grupos da corporación local.

Por parte do goberno municipal facemos unha valoración negativa do pleno posto que, unha vez máis, volvemos ver que a oposición non asume a responsabilidade que ten no Concello de Foz, onde o goberno non ten maioría absoluta e a corporación ten unha maior responsabilidade na aprobación de certos asuntos importantes. Estamos a ver que nesas cuestións a oposición non apoia ao goberno e tampouco usa a abstención para que poidan saír as cousas adiante”, explicou Javier Castiñeira.

O alcalde especificou que “no día de onte en asuntos importantes como o recoñecemento extraxudicial de crédito, de 420.000 euros en facturas do ano 2013 que hai que recoñecer no 2014 para que eses provedores poidan cobrar, vimos novamente unha zancadilla. A oposición non quere aprobar certas facturas, que é certo que teñen reparos de Intervención pero son de gasto corrente normal, das que está o servizo feito e hai que pagalas. Evidentemente a orixe deste recoñecemento extraxudicial é que vimos acumulando dende diferentes anualidades recoñecementos e ademais nuns orzamentos prorrogados, posto que non se aprobaron os do ano 2013 porque a oposición tampouco quixo poñendo unha zancadilla máis, é difícil axustarse. Ademais son uns orzamentos moi limitados, moito menores que os de calquera outro concello da nosa envergadura e nunha situación complicada economicamente”.

Castiñeira engadiu que “queríamos repercutir a suba do canon de Sogama nos usuarios, que suporía arredor de 50 céntimos de euro ao mes por vivenda. Pero esa suba non a queren facer, igual que pasou coa auga e con outros servizos, e ao final vai ter que pagalo o Concello, que está asumindo gastos que non son presupostados”.

Sobre as facturas con reparos que quedaron pendentes o alcalde anunciou que vai tratar de xuntar aos portavoces da oposición na próxima semana “para que, de forma leal e sensata, vexan que se os traballos e o servizos se fixeron evidentemente hai que pagalos. Senón o único que lles queda a eses provedores é ir ao xulgado, gastar os cartos, cobrarlle xuros de demora ao Concello e atrasar moitísimo esas facturas. Polo tanto estou descontento nese sentido e sigo apelando á sensatez e responsabilidade que debe ter a corporación”.

O rexedor municipal explicou tamén que no pleno de onte “deuse conta dos resultados da liquidación da conta do ano 2013, que arroxan máis dun millón de euros en positivo, aínda que eses datos hai que collelos con pinzas porque nese millón de euros están eses 420.000 do recoñecemento extraxudicial, que habería que quitar, e algunha subvención que se deu por recoñecida e que está pendente de facer a obra no seu prazo determinado. Pero, aínda con isto, o resultados son positivos nun ano moi complexo e cuns orzamentos de gastos mínimos, que en comparación con outros concellos por habitante son moi inferiores. Esta liquidación vaise trasladar a outros organismos, o que é un trámite importante para optar novamente ao financiamento que temos doutras administracións”.

Javier Castiñeira engadiu que na sesión plenaria “aprobouse a fórmula polinómica que marca a actualización da taxa da auga e de depuración en base a un informe técnico que fixo un enxeñeiro, do que se dera conta na xunta de portavoces. Agora a corporación recoñece que esa é a fórmula que hai que utilizar e a partir de aí valoraremos cales son as débedas que hai coa empresa que xestiona o servizo, Gestagua, e veremos como vamos saldar esa débeda. Ademais na corporación trataremos de subir a taxa da auga, que debería facerse de forma progresiva pero hai un desfase dun 20 por cento que vai ter que asumir o Concello. Tiñan que telo asumido os usuarios evidentemente, pero en Foz temos o recibo da auga máis barato da Mariña pois leva dende o ano 2008 sen tocárselle aínda que no contrato estaba que subiría progresivamente. Pero non se actualizou e eses gastos van recaer novamente sobre o Concello”.

“Temos que pagar débedas e a corporación non está á altura, non axuda a aumentar os ingresos e segue ocasionando que o Concello teña máis gastos, como no recibo de Sogama, que suporá 80.000 euros máis de gasto que non están asumidos orzamentariamente. Polo tanto pido sensatez e responsabilidade por parte dunha corporación na que non hai maioría absoluta e evidentemente hai que saber que non se pode bloquear o Concello economicamente se queremos seguir dando todos os servizos que ofrecemos, pois non se quitou nin un só ata agora no noso concello. Queremos seguir así nesta etapa de dificultades económicas”, rematou o alcalde. 
Engadir a Twitter Engadir a Facebook

© 2024 PP de Foz