29 de Marzo de 2024

En vídeoEn vídeo

.

Novas

23.12.2013

O alcalde de Foz destaca que o actual plan urbanístico recibiu menos da metade de alegacións que o documento de 2007.

Javier Castiñeira considera que Unifoz e BNG fracasaron no seu intento de colapsar o concello con reclamacións ao PXOM.

Recomendar Imprimir Atrás

2.9/5 [38 Voto/s]

Foz, 23 de decembro de 2013.- O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, destacou hoxe que o actual plan urbanístico recibiu menos da metade de alegacións que o documento de 2007. O rexedor considera que Unifoz e o BNG fracasaron no seu intento de colapsar o Concello con reclamacións ao PXOM.

“Unha vez feito o reconto de alegacións ao Plan Xeral de Foz que estivo exposto durante dous meses fago unha valoración moi boa en xeral porque recibíronse menos da metade das alegacións que houbera para o documento anterior, no ano 2007. Non chegan a 600 alegacións cando en 2007 había cerca de 1.200. Isto quere dicir que o documento está xa bastante avanzado, que se corrixiron moitos dos erros que había inicialmente no ano 2007
”, manifestou hoxe Javier Castiñeira.

Para o alcalde focense “en contra totalmente do que dixeron Unifoz e o sobre todo o Bloque Nacionalista Galego, cunha campaña anti Plan Xeral vergonzosa e desleal, estes dous grupos políticos leváronse un mazazo importante porque intentaron colapsar o Concello con reclamacións, pero a verdade é que a xente é moito máis intelixente do que pensan Unifoz e o BNG e defende os seus intereses sen que ninguén lles obrigue a facer outra cousa distinta. A campaña de información que levou a cabo o Concello cos técnicos municipais foi moito maior que a campaña de desinformación que quixeron facer Unifoz e o BNG baseándose en mentiras e falsidades, das que a xente se deu conta”.

Castiñeira anunciou esta mañá que “todas as alegacións numeradas serán levadas polos técnicos municipais hoxe xa á Coruña para que as teñan os redactores e poñernos a traballar inmediatamente en tratar de resolvelas o antes posible e atender todas aquelas que se poida e as que non respondelas para que canto antes isto siga o seu proceso. Ademais trataremos de reunirnos con todas as administracións que participan tamén na elaboración do plan, que son máis de 30 e xa están emitindo os seus informes”.

O rexedor municipal rematou afirmando que “a intención e vontade deste grupo de goberno é asumir este expediente con valentía. É necesario para o concello de Foz sacar un documento moderno para non seguir coa inseguridade xurídica que provocan unhas normas do ano 81. E así o vamos facer porque é a nosa responsabilidade e porque é o mellor para no noso concello”.

Engadir a Twitter Engadir a Facebook

© 2024 PP de Foz