17 de Outubro de 2018

En vídeoEn vídeo

.

Novas

24.09.2013

Traslado da escola municipal de música de Foz para a Casa do Mar.

A escola municipal de música de Foz trasladarase ao edificio da Casa do Mar para mellorar as súas instalacións.

O alcalde reuniuse con representantes de 9 asociacións que teñen a súa sede nese inmoble e serán reubicadas.

Algunhas irán para un local propiedade do concello que está na Praza de Trégastel.

Recomendar Imprimir Atrás

2.8/5 [17 Voto/s]

Foz, 24 de setembro de 2013.- A escola municipal de música de Foz trasladarase ao edificio da Casa do Mar para mellorar as súas instalacións. O alcalde, Javier Jorge Castiñeira, e o concelleiro de Cultura, Ánxel Paleo, reuníronse con representantes de 9 asociacións que teñen a súa sede nese inmoble e serán reubicadas. Algunhas delas irán para un local propiedade do Concello que está na Praza de Trégastel.

O rexedor municipal explicou que mantivo esa xuntanza “coas asociacións afectadas polo traslado da escola municipal de música dende o local que ten actualmente, onde leva máis de 20 anos, para a Casa do Mar, que no seu día foi o centro sanitario de Foz e cando se fixo o traslado para o centro de saúde quedou para locais de asociacións, onde están varios colectivos moi activos do concello de Foz”.

O motivo do traslado é “buscar, evidentemente, a mellora do servizo municipal da escola de música, que está nunhas condicións de sonoridade que non son as máis correctas, non é capaz de albergar aos máis de cen alumnos que ten. E, a petición dos propios dirixentes da escola municipal, buscamos unha alternativa, que levaba tempo valorándose e agora demos o primeiro paso con esas asociacións explicándolles cal é o plan do Concello”, engadiu Javier Castiñeira.

O alcalde anunciou que “dentro de seis meses contarase cun local novo para as asociacións, que vai preparar a escola obradoiro na Praza de Trégastel, na urbanización de Vila Miño. É un local que ten uns 200 metros cadrados, onde se albergarán arredor de 7 ou 8 asociacións. E para estes meses que temos por diante fíxose unha proposta para que as asociacións non quedasen sen local neste tempo. Creo que é un plan correcto que vai permitir que a escola municipal de música agora, nos mes de outubro, poida facer xa esa mudanza a un sitio con moitísimo mellores condicións de sonoridade, de autonomía, de independencia e de espazo, necesarias para dar un bo servizo. Estamos moi contentos co funcionamento da escola municipal pero, evidentemente, tratamos de mellorar”.

Castiñeira destacou tamén que o obxectivo final do equipo de goberno é “centralizar nos locais que hai na Casa do Mar todo o referente á música, polo que dentro de seis meses alí estará a escola de música máis as catro asociacións que hai agora mesmo no núcleo urbano dedicadas á música e ao baile, que son A Subela, O Feitizo, a coral polifónica e o grupo Latexos”.

O rexedor local comentou ademais que “é un traslado demandado para mellorar moito o servizo que se dá na escola municipal de música. E con esa nova instalación de locais para asociacións na Praza de Trégastel conseguiremos dar servizo a todas elas”. E rematou dando as grazas pola “boa dispoñibilidade de todas estas asociacións que van permitir ese cambio. Esperemos que dentro de seis meses estea todo funcionando con normalidade e con servizos moito mellores”.

Na xuntanza, celebrada onte, participaron representantes dos colectivos A Pomba do Arco, asociación de veciños O Castro, Afammer, Santiago de Foz, Os Sendeiros, coral polifónica de Foz, A Subela, O Feitizo e Latexos.

Engadir a Twitter Engadir a Facebook

© 2018 PP de Foz