28 de Marzo de 2024

En vídeoEn vídeo

.

Novas

11.09.2013

A Xunta está rematando a cuberta do patio do colexio de Nois e o peche do pavillón polideportivo do Ceip número 1 de Foz.

O alcalde focense destacou estas obras e anunciou que o concello acondiciona un aparcamento xunto ao instituto de Secundaria.

Recomendar Imprimir Atrás

2.8/5 [19 Voto/s]

Foz, 11 de setembro de 2013.- A Xunta de Galicia está rematando a cuberta do patio do colexio público de Nois e o peche do pavillón polideportivo do Ceip Número 1 de Foz. A importancia destas obras foi destacada hoxe polo alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, quen tamén anunciou que o Concello acondiciona un aparcamento para vehículos nas inmediacións do instituto de Secundaria.

Despois de visitar o colexio de Nois, xunto á delegada territorial da Xunta na provincia de Lugo, o rexedor municipal de Foz manifestou a súa satisfacción por esta actuación, que está a piques de rematar, para cubrir o patio do centro e agradeceu publicamente “a Raquel Arias e a Consellería de Cultura e Educación por facer unhas obras tan necesarias neste colexio”. E lembrou que “xa hai ano e medio viñera o conselleiro e había dous compromisos coa Anpa e coa dirección do centro, que se cumpriron: un deles era o pintado da fachada da escola, que se fixo o ano pasado, e agora están a rematar xa os traballos para a cuberta da zona infantil, que é necesario para que os rapaces disfruten moito máis do patio. É unha obra importante cun investimento que rolda os 60.000 euros, que se conseguiu despois dun traballo importante por parte do centro e do propio Concello para facerlle ver ao conselleiro que era unha obra totalmente necesaria nun colexio que ten bastantes anos e conta con 140 alumnos, o que supón un nivel de matrícula moi bo, o cal nos reconforta. Acolle aos rapaces de Nois, Cordido e Cangas e tamén a algún de Burela”.

Javier Castiñeira referiuse ademais á actuación que está executando a Xunta no colexio público Número 1 de Foz: “é outra obra importante, tamén para facer as zonas de patio e de recreo máis accesibles no inverno. Neste caso trátase de facer unha parede lateral para pechar o pavillón polideportivo. É unha obra, pedida pola Anpa e pola dirección do centro, que se está rematando, agora que comeza o curso”.

O alcalde destacou que entre os dous colexios “estamos a falar dunha dotación económica de cerca de 100.000 euros, que se une ao investimento que se fixo o ano pasado no Número 1 para a cubrición do centro. Isto demostra que a Consellería de Cultura e Educación está comprometida cos colexios de Foz e nós temos que agradecer ese traballo que está facendo a delegada territorial da Xunta no noso concello”.

Castiñeira anunciou tamén que o Concello está levando a cabo unha actuación no instituto de Secundaria de Foz “para dotalo dun aparcamento na zona exterior, axeitando unha finca que foi alugada. Faise para mellorar o accesos e a seguridade, a petición da dirección do centro”.

Polo tanto, para o rexedor municipal está sendo “un comezo de curso bo, con obras rematadas ou a piques de acabar polo compromiso da Xunta de Galicia e do Concello de Foz”.
Engadir a Twitter Engadir a Facebook

© 2024 PP de Foz