19 de Abril de 2024

En vídeoEn vídeo

.

Novas

01.08.2013

Foz acolle neste mes de agosto unha ampla e variada programación cultural que comeza mañá, venres.

Inclúe os actos da festas de San Lourenzo, que se celebrarán do 8 ó 11.

Recomendar Imprimir Atrás

3.3/5 [50 Voto/s]

Foz, 1 de agosto de 2013.- Foz acolle neste mes de agosto unha ampla e variada programación cultural que comeza mañá, venres, e inclúe os actos das festas de San Lourenzo, que se celebrarán dende o día 8 ao 11. As actividades foron anunciadas hoxe pola Delegación Municipal de Cultura.

O encargado de inaugurar a axenda de actos para agosto será Roi o Cagabolas, co seu espectáculo infantil, mañá, venres, a partir das 20:00 horas na praza Conde de Fontao. O sábado ás 20:00 horas, seguen os actos culturais coa inauguración da exposición “Doce e moitas mais”, unha homenaxe á muller galega na que se poderán contemplar as esculturas de Xosé M. Ribeira e Otero Regal. A mostra estará aberta ata o día 15 deste mes no CENIMA. Pola noite será a organización Os Sendeiros a que collerá o relevo coa IV Marcha nocturna de sendeirismo e unha chocolatada ó rematar. Os espectáculos continuarán ata o día do comezo das festas de San Lourenzo co multidisciplinar “Encontros” de Lusco e Fusco, o luns ás 21:00 horas; o de clown e malabares “Nono” de Pistacatro o martes á mesma hora e o espectáculo de aéreos “O que queda por chover” de Duelirium, o próximo mércores tamén ás 21:00 horas.

Pero non será ata o xoves 8 ás 20:00 horas cando se inauguren as festas de San Lourenzo co seu tradicional pregón na Casa da Cultura, que correrá a cargo do periodista Carlos González Reigosa. O venres 9, despois do concerto conmemorativo do 20 aniversario da Banda Municipal de Música de Foz, haberá verbena co grupo Samba na praza Conde de Fontao a partir das 22:00 horas e concerto do grupo Iguana Tango no paseo de Colón, unha hora máis tarde.

O día de San Lourenzo, sábado 10, os actos xa comezarán ás 12:00 horas da mañá coa misa solemne cantada polo Coro Parroquial de Foz e con unha procesión acompañada pola Banda de Música O Landro, de Viveiro, que estará tamén na sesión vermú a partir das 13:30 horas. Pola tarde, poderá elixirse entre varias actividades, como os pasarrúas de xigantes e cabezudos, o torneo de fútbol “Vila de Foz” ou a XVII Mostra folclórica de O Feitizo. O día rematará coa verbena, na que estarán as orquestras Venecia e América S.L., e co espectáculo de fogos artificiais, que será a partires da 01:00 da madrugada.

O domingo 11 será o último día das festas, no que o grupo Fénix amenizará tanto a sesión vermú como a verbena na praza Conde de Fontao. Ás 20:30 horas rematará a XVII Mostra folclórica de O Feitizo coa actuación dos grupos infantís na mesma praza.

Rematadas as festas, a programación cultural continúa con máis actividades. A asociación Os Sendeiros de Foz organiza varias rutas de sendeirismo, que sairán dende a Casa do Concello o sábado 17 e o 24 cara a bisbarra e o domingo 25 cara o Val do Pinzón (León).

O sábado 17 inaugurarase a Feira do Libro de Foz, que se poderá visitar na praza Conde de Fontao ata o martes 20. Tamén o sábado terá lugar a festa en Marzán, cunha sardiñada e queimada a partir das 20:00 horas organizada pola asociación de veciños. E dende o domingo 18 ata o martes disputarase o torneo de baloncesto “Vila de Foz” no Campo da Cabana.

A penúltima semana do mes de agosto será coñecida como a semana do teatro afeccionado ao aire libre, xa que, dende o luns 19 ata o sábado 24, ás 22:00 horas no patio do colexio Nº 1, poderá gozarse de varias obras a cargo de diferentes grupos de teatro da provincia. O outro protagonista da semana será a feira multisectorial organizada pola ACIA de Foz na explanada do peirao dende o xoves 22 ata o domingo 25.

Tamén se inclúe na programación de actividades para agosto o XV Torneo de Tenis Vila de Foz organizado polo club de tenis local coa colaboración do Concello focense e da Deputación de Lugo, que se disputará do 16 ao 24 de agosto nas pistas de tenis de Marzán.

Engadir a Twitter Engadir a Facebook

© 2024 PP de Foz