09 de Decembro de 2018

En vídeoEn vídeo

.

Novas

08.07.2013

Limpeza de contenedores e outros asuntos

Os colectores de residuos do casco urbano de Foz serán limpados esta noite e a vindeira e o Concello colocará máis na zona próxima á praia da Rapadoira.

A concelleira de Medio Ambiente e Turismo anunciou tamén que hoxe empezaron as obras para reorganizar o tráfico en Rego de Foz e que contratarán a 5 persoas máis para limpar as praias.

Recomendar Imprimir Atrás

2.7/5 [6 Voto/s]

Foz, 8 de xullo de 2013.- Os colectores de residuos de Foz serán limpados esta noite e a próxima e o Concello colocará máis na zona próxima á praia da Rapadoira. Anunciouno a concelleira de Medio Ambiente e Turismo, Maite López Rego, quen tamén deu a coñecer que hoxe empezaron as obras para reorganizar o tráfico nas rúas da zona coñecida como Rego de Foz e ademais serán contratadas 5 persoas máis para limpar as praias.

A edil de Medio Ambiente explicou que “unha das peticións máis reiteradas polos veciños nas diferentes xuntanzas que estivemos tendo nestes últimos días foi a limpeza dos contedores. Dende o equipo de goberno, a través da Concellería de Medio Ambiente, traballamos neste asunto e, aínda que é unha época difícil porque estamos no verán, hai moita xente de vacacións e as empresas están a medio gas, conseguimos que na noite de hoxe e na de mañá limpen os contedores do casco urbano. En próximas datas tamén faremos o mesmo nos do resto do concello”.

Maite López lembrou que o concello de Foz “está conseguindo mellorar moitísimo na recollida do lixo, tanto do orgánico como do selectivo, en gran parte isto debémosllo ós veciños e veciñas de Foz, que foron grandes colaboradores neste asunto”. Pero agora a concelleira pídelles “un pouquiño máis de esforzo para intentar entre todos non tirar o lixo antes das oito da tarde polo menos agora, nesta época do verán. Desta maneira conseguiremos evitar malos olores e que o lixo se acumule durante todo o día na rúa e que os paxaros ou gatos poidan extraviala. Trátase de dar unha mellor imaxe do concello”.

A concelleira de Medio Ambiente e Turismo anunciou ademais que se aumentará o número de colectores na zona próxima á praia da Rapadoira e que nese lugar, coñecido como Rego de Foz, comezaron hoxe as obras, concretamente na rúa Illa Nova, para reorganizar o tráfico, traballos que continuarán durante uns días máis.

López Rego rematou agradecendo á Xunta de Galicia “a colaboración que tivo co noso concello na limpeza de praias, xa que aportáronnos cinco persoas máis das que había para este cometido”. Pola contra, lamenta que “a Deputación de Lugo borrara do mapa ao noso concello, xa que teñen todo sen rozar e totalmente abandonado. Supoño que pensarán que o concello é do seu alcalde ou dos seus concelleiros do PP. Pero non, o concello son case dez mil habitantes, que pagan relixiosamente os seus impostos e teñen dereito a ter os servizos que tiveron sempre independentemente de quen goberne ou da súa cor política”.
Engadir a Twitter Engadir a Facebook

© 2018 PP de Foz