20 de Abril de 2024

En vídeoEn vídeo

.

Novas

05.07.2013

As festas do Carme de Foz, que se presentaron hoxe, celebraranse do 13 ao 20 deste mes.

O alcalde destaca o programa preparado polo colectivo Sempre Foz, que inclúe actuacións musicais, o pregón do médico lugués Sven Gunther e a procesión sobre as tradicionais alfombras florais, entre outras actividades

Recomendar Imprimir Atrás

3.1/5 [19 Voto/s]

Foz, 5 de xullo de 2013.- As festas do Carme de Foz, que se celebrarán do 13 ao 20 deste mes, foron presentadas hoxe polo alcalde, Javier Jorge Castiñeira, acompañado por outros membros do goberno local e da comisión organizadora dos festexos, que é o colectivo Sempre Foz. O rexedor local destacou o programa, que inclúe actuacións musicais, o pregón do médico lugués Sven Gunther e a procesión sobre as tradicionais alfombras florais, entre outras actividades.

Javier Castiñeira comentou que “as festas do Carme 2013 teñen un cartel moi interesante dende o 13 ata o 20 deste mes, aínda que os días grandes son o 15 e o 16”. Agradeceu “a implicación da asociación Sempre Foz, que está traballando intensamente na organización de dúas das festas máis importantes do concello, que son ás mais destacadas do núcleo urbano: as do Carme e as do San Lourenzo”.

O alcalde deu a noraboa aos organizadores porque “teñen un cartel moi interesante dende o sábado, 13, ás catro da tarde, cando empeza a regata 420 Virxe do Carmen. Ese día tamén haberá o pregón das festas, que neste caso vaino facer unha persoa coñecida dos focenses: Sven Gunther Cando, que é un cardiólogo que actualmente está traballando no Hospital Lucus Augusti (HULA), foi presidente do Colexio de Médicos de Lugo durante varios anos e  tamén ocupou a presidencia do Consello Galego de Colexios de Médicos. É unha persoa moi vinculada á nosa localidade posto que leva cerca de 50 anos veraneando en Foz e agora xa ten a súa segunda residencia aquí. É unha persoa moi querida e quixemos facer énfase en toda esa xente que nos visita no verán. Sven é unha desas persoas das que nos gusta presumir aos focenses, non só pola súa meritoria actividade profesional como médico cardiólogo senón tamén porque é boa persoa, que coñece o pobo e que o pregoa polos diferentes sitios aos que vai”. O pregón será ás 20:40 horas na igrexa parroquial.

O domingo 14 haberá verbena coa orquestra Galilea e o luns 15 actuarán Armonía Show e o grupo Garibaldi. O martes 16 será o día grande e ás 12 do mediodía celebrarase a misa solemne na honra da Virxe do Carme, ás 12:45 a procesión polas rúas do pobo e rematarán os actos coa verbena amenizada pola orquestra Sintonía de Vigo. E o sábado 20 celebrarase a XIV edición do festival folclórico Aires do Masma na praza Conde de Fontao organizado pola asociación A Subela.

“É un cartel moi bo e invito a todos a que pasen por Foz e disfruten das nosas festas patronais. Ademais animo a todos os veciños a colaborar o máximo que poidan coa asociación organizadora, Sempre Foz, e a participar na elaboración das alfombras florais tan características, bonitas e recoñecidas que fan os veciños de Foz a noite antes da procesión para que a Virxe pase por elas”, rematou Castiñeira.

Engadir a Twitter Engadir a Facebook

© 2024 PP de Foz