24 de Abril de 2024

En vídeoEn vídeo

.

Novas

03.07.2013

O Concello de Foz tratará de conservar as dunas con vexetación autóctona que se están formando na praia da Rapadoira.

O alcalde informou desta situación aos técnicos de costas.

Recomendar Imprimir Atrás

2.6/5 [67 Voto/s]

Foz, 3 de xullo de 2013.- O Concello de Foz tratará de conservar as dunas con vexetación autóctona que se están formando na praia da Rapadoira, concretamente xunto á charca que se crea nese areal durante a preamar. O alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, xa informou desta situación aos técnicos do Servizo Provincial de Costas, do Ministerio de Medio Ambiente.

O rexedor municipal explicou hoxe que “dende o grupo de goberno estamos seguindo con moito interese o proceso natural de formación de dunas que se está percibindo na praia da Rapadoira, ao redor da charca  que se crea en preamar. Estamos en contacto cos técnicos de Costas porque pode ser interesante. É unha praia que ten unha extensión grandísima, máis de 5 hectáreas, e este proceso de formación de dunas, que pode ser interesante para a estética e tamén no aspecto medioambiental, vamos tratar de conservalo”.

Por este motivo dende o Concello piden a todos os que visiten a praia da Rapadoira “que teñan en conta que alí hai un proceso dunar en inicio, que moi probablemente trataremos incluso de repoboalo para protexer esa zona próxima á charca que se forma en preamar”.

Javier Castiñeira cree que a formación desas dunas “vai ser positivo, vai crear un contraste moi bonito e moi interesante na praia da Rapadoira, que conta con espazo suficiente para estar ao sol e ter diferentes ambientes. Darán un colorido importante e vamos tratar de mantelas, de apostar por elas e nese sentido estamos en contacto co Ministerio de Medio Ambiente para que leve un seguimento. Os operarios da limpeza de Foz non quitaron as plantas, que son dunares autóctonas, e gustaríanos que isto fora adiante e incluso tratar de facer unha repoboación para conseguir un entorno moito máis atractivo, porque na praia da Rapadoira hai espazo suficiente e cremos que pode ser un atractivo máis. Crearía un contraste importante nunha praia urbana como A Rapadoira cunha extensión grandísima, pois aparte de ver moita superficie de area branca habería tamén unha zona dunar con herba rodeando a charca que se forma na preamar neste areal, que non deixa de sorprendernos día a día”.

O alcalde focense tamén comentou que A Rapadoira “leva máis de 25 anos con bandeira azul; é un emblema da Mariña, non só de Foz; é coñecida en toda España. É verdade que temos praias moi boas na Mariña pero tamén é ben certo que a da Rapadoira precisamente é unha desas bandeiras”.

Engadir a Twitter Engadir a Facebook

© 2024 PP de Foz