18 de Outubro de 2018

En vídeoEn vídeo

.

Novas

15.01.2013

Feijóo di que Fraga comprendeu que Galicia se fai grande formando parte dun todo

Afirma que "o presidente Fraga é a proba de que resulta artificiosa a contradición entre a devoción por España e a pasión por unha das súas comunidades"

“Con el soubemos que a preservación dunha identidade non depende de torpes medidas defensivas, senón do seu espírito cordial e expansivo. En vez do do nacionalismo antigo, o do autonomismo moderno”, di

Lembra que don Manuel fai do soño dun galeguismo reformista, unha doutrina compartida que fai máis forte a unidade dos galegos

Recoñece compartir as esperanzas que Fraga depositou no Senado, “porque a sempre complexa articulación territorial precisa dunha bisagra que faga posible que a relación entre as diferentes partes do Estado se produza sen chíos”

Recomendar Imprimir Atrás

3.2/5 [85 Voto/s]

Alberto Núñez Feijóo afirmou onte, no acto de colocación do busto en homenaxe a Manuel Fraga no Senado, que “o presidente Fraga é a proba de que resulta artificiosa a contradición entre a devoción por España e a paixón por unha das súas comunidades”. “Para un galego como el, -subliñou- ser galego é a única forma de ser español. Aquí aprende que a forza do español consiste en concibilo como un gran río que recolle o caudal de múltiples afluentes que aportan a súa cultura, a súa lingua e a súa maneira peculiar de interpretar o mundo. Alá comprende que Galicia é un país que se fai grande formando parte dun todo: do todo español e do todo europeo”.


Deste xeito, e nestes tempos de inquietude onde se poñen en cuestión principios da nosa vida en común, Feijóo salientou que o legado de don Manuel adquire unha importancia singular. “Con el –dixo- aprendemos que a grandeza dun territorio non é compatible cos muros e as fronteiras. Con el soubemos que a preservación dunha identidade non depende de torpes medidas defensivas, senón do seu espírito cordial e expansivo. En vez do do nacionalismo antigo, o do autonomismo moderno”.


O titular da Xunta lembrou, ao longo da súa intervención, que o Presidente Fraga se instalou moi fondo no ser colectivo de Galicia porque soubo expresar esa cordial harmonía de identidades propia do pobo galego. “Ese desexo de ser diferentes sen que a diferenza implique hostilidade contra nada nin contra ninguén, é algo inscrito no ser de Galicia”.


“Somos o pobo do Camiño, a orixe e o destino da vía de comunicación máis importante de España e de Occidente, o paso obrigado de ideas e culturas. A hospitalidade é o noso selo de distinción. A comprensión do diverso, a nosa mellor virtude”.


Así mesmo, incidiu en que Manuel Fraga foi un estadista, pero non ao xeito do político prematuramente subido a un pedestal e afastado do cotián, senón apegado aos seus. “Cada teoría que expón ou pon en práctica ten o contraste da xente, zumega ese sentimento popular ao que don Manuel estaba sempre atento”, resaltou, ao que engadiu que establecer un paralelismo coa figura de Alfredo Brañas, obriga a recordar que don Manuel Fraga fai do soño dun galeguismo reformista, unha doutrina compartida que fai máis forte a unidade dos galegos.


O responsable do Goberno galego concluíu a súa intervención recoñecendo compartir co ex presidente da Xunta as esperanzas que depositou no Senado; “unhas esperanzas que comparto porque a sempre complexa articulación territorial precisa dunha bisagra que faga posible que a relación entre as diferentes partes do Estado se produza sen chíos”. Feijóo lembrou que iso é o que don Manuel sempre desexou, “e ese –salientou- é o gran reto que temos os que queremos preservar a súa memoria”.

Engadir a Twitter Engadir a Facebook

© 2018 PP de Foz